Presentada no Concello a XV Concentración de Clásicos e I Edición Feitoclásica
A concentración será o vindeiro domingo (1 de xuño), e do 25 ao 27 de xullo, a “I Edición Feitoclásica” (Feira Tomiñesa de Clásicos)
O vindeiro domingo, 1 de xuño, a Asociación de Clásicos Populares Baixo Miño organiza, en colaboración co Concello de Tomiño, a XV Concentración de Clásicos, en Tomiño, dende onde sairán en caravana, pola costa, con destino a Baiona.
Por outra banda, os días 25, 26 e 27 de xullo, organizan a “I Edición Feitoclásica” (Feira Tomiñesa de Clásicos) con exposición, ofertas e mercadiño, nas naves de PCM (Forcadela, estrada Tui-A Guarda).
Ambos os dous eventos foron presentados este mediodía no Concello de Tomiño, coa presenza da alcaldesa Sandra González e a concelleira de Deportes, Cristina Martínez, e por parte da Asociación de Clásicos, José Besada Fernández, José Mª Gude Méndez, e Carlos Alonso, presidente, secretario e vocal, respectivamente.
Os organizadores informaron que agardan a participación de máis de cen coches clásicos na concentración do próximo domingo.
Segundo explicou o presidente da asociación, os obxectivos da concentración seguen sendo os mesmos das catorce edicións anteriores: por unha parte, “dar a oportunidade a todos aqueles propietarios de vehículos de máis de 25 anos, acollidos á lei de exención de impostos, de exhibilos como elementos do Patrimonio Automobilístico Nacional, e por outra, servir de reclamo, coñecemento e disfrute dos encantos das terras do Baixo Miño”.
A Asociación de Clásicos Populares Baixo Miño, con sede en Tomiño, pero de ámbito rexional, nacional e internacional, leva funcionando ininterrompidamente desde o ano 2000, cumprindo os obxectivos de traballar por e para os vehículos históricos. Participa en eventos promovidos por outras asociacións e, internamente, organiza concentracións e circuítos culturais, como o da V Saída 2014, os días 17 e 18 de maio pasados, pola ruta da costa, deica Fisterra, onde participaron 30 coches.
Ningún comentario:
Publicar un comentario