luns, 20 de abril de 2009

A VIRXE DE GRIXÓ
Grixó está na estrema de Barrantes con Tebra. Alí hai una capela adicada á Virxe, que se vén a chamar a Virxe de Grixó. A romería celébrase no terceiro domingo de agosto. Goza de moito prestixio na zona; non só pola devoción, senón tamén polo folclorismo que se profesa.
A imaxe da Virxe pasa a ser protexida durante un ano por unha parroquia. Esa parroquia é quen ten que organizar os actos relixiosos do ano seguinte. A romería remata facendo entrega da imaxe á outra parroquia, quen custodiará a imaxe o ano que lle toque. Tanto no recibimento coma na despidida da imaxe vai precedido dun rito solemne, onde entran en xogo os pendóns ou estandartes portados polos morgados.
Xa cedo, a imaxe, levada en andas, sae da igrexa de turno camiño de Grixó seguida a pé por unha manchea de persoas mailo cura. Non faltan cantos, rezos ou xoldras. Unha vez no recinto da ermida, despois de ser recibida pola comisión da outra parroquia, faise a procesión ó redor da capela, rematando coa misa no seu honor e, de seguido, as charangas e gaitas do país animan a romería para logo centrarse no desfrute gastronómico.
Polas propiedades, prados, carballeiras ou enxidos hai un ateigamento de familias ou grupos de amigos que se unen na degustación campestre e enxebre, que se mantén dende tempos remotos. Non faltan música, cantos e esmorga ata ben entrada a tardiña para rematar co desfile ata o lugar do terreiro, onde se celebra a festa popular.
A imaxe da virxe esta feita de madeira, pero é tan vella que a couza fixo desaparercerlle unha man. Iso, precisamente, é o que da pé á famosa lenda.
A veneración da imaxe non está exenta dun certo temor ás represalias que a Virxe pode tomar pola trasgresión, sobre todo, de entrar na capela dunha maneira irreflexiva. Calquera nacemento dunha criatura cunha certa eiva, sobre todo en mans ou brazos, atribúeselle a unha maldición da Virxe sobre os proxenitores ou achegados por algún pecado cometido na capela ou nos redores.